Monday, September 25, 2006

Cando entrou na miña vida, aínda non levantaba máis dun metro do seu chan enmoquetado de vida e ilusións. Conquistoume un día calquera ca súa casiña de bonecas, e non volvín a vela ata un par de anos máis tarde, cando a casualidade ou o destino a trouxo de novo sen preaviso.
Ese día chamou a miña porta tímidamente, vestida con pantalóns brancos e unha cinta roxa que lle recollía o pelo á taza. Aquel día foi o primeiro que miña nai lle abriu á porta e o primeiro que xogamos incansables ata que Fistón asomou o fuciño na esquina da rúa. Foi o primeiro de moitos seráns de recoller rans, pelexar cos rapaces e de cabanas de mimosas.
Aquel día seu irmán xogou a perseguirnos con coitelos e sables de guerra mentres nós voabamos escaleiras abaixo con berros desacougados, as mesmas escaleiras que algún día marcaron a súa barbilla con cicatrices que aínda hoxe perduran.
Era unha rapaza escuálida e con colmillos. Tiña mans máxicas cas que podía recoller obxetos sen necesidade de agarralos. Pasaba o día soa e buscaba compañía pra cubrir ausencias. Obedecía sin rechistar e lle falaba con voz melosa ós seus aínda que se desmelenaba tan pronto como se pechaba a porta.
Cada día esperaba ansiosa a que pasase a hora da sesta e cando as agullas marcaban as cinco e media corría a buscarme. Fumos compañeiras de feridas de carne e de alma e me regalou mil noites de verán e o té en leite.
Soubo perdonar todos os meus desplantes, e que me pechase na miña cuncha de mentiras durante moitos anos, aínda cando o seu maior erro foi matar de fame un caracol.
Aparcando á inocencia case sen darnos conta chegou a primeira copa, o primeiro mozo, e a primeira de moitas bágoas por ese tipo de xente que nunca paga a pena.
Quizáis por proximidade, por roce ou por casualidade sempre estivo diante mentres discurrían os momentos máis importantes da miña vida, esbozando sorrisos aínda cando era imposible ocultar a desesperación.
Recordo que comecei a lle escribir esta carta hai máis de oito meses e a retomo neste esperanzador Septembro despois dunha tempada sen contacto.
Este blog, desde o que hoxe berro ó vento, foi adicado a ela na súa apertura. Non sei nin cómo nin porqué este vínculo se reforza na distancia.
Só sei que penso moito en tí.

No comments: